Festas
As festas de A Ponte son as Festas do Santiago. O día grande da festa é o 25 de xullo, durando as mesmas do 23 ao 26 que xa empezan as festas de Santa Ana noutros lugares. Durante uns anos houbo unha Feira de Mostras no patio do Colexio Anexa, e as orquestras colocábanse na rúa Vicente Risco diante do patio do Colexio Anexa, na esquina da Avenida das Caldas coa rúa Vicente Risco e na explanada da Estación de Tren que era a máis importante. Facían quendas e había sesión “vermut” e tamén a media tarde sendo máis numerosa a afluencia na sesión da noite. Non eran orquestras tan grandes nin con tantos medios como as de agora, pero daban moita vida a un barrio que tampouco estaba tan edificado como na actualidade. Tamén había pasacalles, charangas e grupos de música tradicional que daban vida ás rúas cando non tocaban as orquestras.
As atraccións estaban na rúa Xesús Pousa, na rúa Vicente Risco e na rúa Eulogio Gómez Franqueira. As tómbolas e o resto de postos podíanse ver na parte alta da Avenida das Caldas e ao redor do Parque da Ponte.
E a procesión da Parroquia de Santiago das Caldas percorría e percorre algunhas das rúas do barrio e tamén segue a manterse a misa deste día.
Coa urbanización e a apertura de rúas foise modificando a colocación das atraccións e dos postos e agora xa non toca a “orquestra da Estación”; e ao haber máis posibilidades de ocio foron modificándose co tempo, pero seguen a ser unhas festas importantes.
Comentarios
Publicar un comentario