Entradas

Mostrando entradas de diciembre, 2024

Rúa Ribeiriño

Imagen
Primeira sede da estación de ferrocarril agora é un dos accesos para o Paseo do Miño e as termas da cidade. Máis ou menos na metade da rúa atópase un parque que é punto de reunión de veciños e veciñas da zona. Negocios como “O Manzano” teñen o seu renome, e cafeterías, centros de odontoloxía, e outras iniciativas empresarias forman parte da vida desta rúa cuxo nome deixa clara a súa situación próxima á ribeira do Miño. 

Rúa Ribeira de Canedo

Imagen
Nesta rúa que une os extremos da Ponte Romana e da Ponte Nova, estivo o primeiro Centro de Saúde que tivo A Ponte (pódense ver fotos no actual Centro de Saúde de A Ponte na rúa Eulogio Gómez Franqueira), posteriormente pasou a ser a Unidade de Saúde Mental, pero antes de iso, alí estaba “O Cuartel” sede das forzas da orde durante moitos anos, de aí que a xente de certa idade nomee a esta rúa como “a rúa do Cuartel”.  A sociedade “La Troya” ocupa un local nesta rúa, se ben antes estaba na Avenida das Caldas. Diferentes negocios danlle vida como os accesos ao Paseo do Miño, de aí tamén o seu nome: a proximidade ao Miño e o do antigo concello do que formaba parte.

Rúa Rey Soto

Imagen
Antonio Rey Soto, sacerdote, novelista e poeta ourensán da nome a esta rúa na que se atopa a cafetaría “Hermida” que hai anos non era tan grande xa que a rotonda coa Avenida de Santiago estaba ocupada polo comercio de roupa “América”. América Soto xestionou durante moitos anos esta tenda na que ademais se cosían disfraces e traxes da Istoria. Unha tenda de alimentación serviu durante moitos anos á veciñanza “A tenda da Carmen e do Benjamín”. A zapatería “Calzados Creciente” propiedade de José Gil e posteriormente a mercería “Merpaza” formaban parte dos negocios dos baixos dos “edificios da RENFE”. As galerías comerciais “Mirador” tiveron mellores épocas con tendas de papelería, telas, pintura, produtos naturais, etc.   Para ampliar datos sobre Antonio Rey Soto, pódese consultar a páxina dbe.rah.es/biografias/4157/antonio-rey-soto

Rúa Ramón y Cajal

Imagen
Nesta rúa estaba o cine Yago e unha fábrica de gaseosas. Hoxe segue alí unha das entradas da Panadaría Caramés (antes Arias) que une a rúa Vicente Risco coa Avenida das Caldas. O seu nome é o dun importante médico e científico que viviu entre os séculos XIX e XX: Santiago Ramón y Cajal, que obtivo un premio Nóbel polo seu estudio do sistema nervioso humano. Os seus estudios sobre neurociencia seguen a ser a base de diferentes adiantos. Tamén foi senador. Para ampliar datos sobre Santiago Ramón y Cajal, pódese consultar a páxina dbe.rah.es/biografias/10967/santiago-ramon-y-cajal