Lugares con historia: Colexio “La Normal”, “La Aneja” ou “Colexio de Prácticas”
A principios dos anos 60 do século XX construíase a escola de maxisterio La Normal (nome que se lle daba as estas escolas) seguidamente se fixo o edificio anexo “La Aneja” para as prácticas e tamén o colexio chamado “Colexio de Prácticas”. De aí que se coñeza a este edificio por estes tres nomes.
Era un colexio de educación infantil e primaria, nun principio con dúas portas para homes e mulleres, máis tarde foi só colexio feminino, indo o masculino para a actual zona traseira do IES 12 de Outubro. Así foi ata que ao principio dos anos 80 do século XX pasou a ser un colexio mixto.
Tiña un patio “o patio de abaixo” que estaba nun semisoto que aproveitaba o desnivel da rúa onde as nenas xogaban entre columnas. Tiña un ximnasio nunha pequena construción no “Patio de arriba” que era o patio onde tamén xogaban os nenos do colexio masculino e polo que tamén pasaban os rapaces e rapazas que ían ao “Instituto Blanco Amor” a facer BUP e COU.
Co tempo foi dotado de ascensor, pero non foi así durante moitos anos. Os seus corredores e as súas aulas eran e son amplas cunhas boas ventás que daban claridade ao interior. No seu tempo tivo un porteiro que tocaba unha pequena campá para marcar os horarios de saída ao patio.
En canto á Escola de Maxisterio, nos anos 2000 trasladouse para o Campus para o “Edificio de Ferro”.